O Bloque Nacionalista Galego constitúese nunha asemblea que se celebra os días 25 e 26 de setembro de 1982 na Coruña. Este encontro, que vai ser coñecido popularmente como a Asemblea de Riazor, culmina o proceso de reestruturación do nacionalismo popular galego que se iniciara no III Congreso do partido Unión do Pobo Galego (UPG) de xaneiro de 1982, no que se aproba unha resolución para impulsar a reconversión da Asamblea Nacional Popular Galega (AN-PG), fronte patriótica creada en 1975 para afrontar a ruptura política en Galiza, e adaptala ao novo marco político e institucional que se estaba consolidando no Estado e en Galiza a principios dos anos oitenta do século XX. A decisión adoptada no congreso da UPG debátese no V Plenario da AN-PG en abril de 1982, e acórdase iniciar formalmente o proceso de conformación dunha nova fronte nacionalista que fose máis aló do proxecto que representaba a AN-PG, que fora concibida como unha asemblea popular para liderar o rupturismo político en Galiza despois da morte do ditador Franco. Ese acordo de reconfiguración do soberanismo galego abría un debate sobre a unidade do nacionalismo e para iso constituíase unha xestora en réxime de autoconvocatoria para o que desde a AN-PG faise un chamamento á participación a todos os nacionalistas galegos. Ese proceso vaise prolongar desde abril e até setembro e vai estar protagonizado por partidos e colectivos nacionalistas que deciden facer unha aposta por un novo marco organizativo para a loita política. A culminación do proceso constituínte culmina pois na Asemblea Nacional de setembro de 1982, na que participan partidos (UPG e Partido Socialista Galego –PSG-) e colectivos (Estudantes Revolucionarios Galegos –ERGA-, Galicia Ceibe, Arco da Vella, Asemblea de Nacionalistas Galegos e colectivos locais) e persoas non organizadas que maioritariamente procedían da AN-PG. A Asemblea debate e decide a estrutura organizativa da nova organización e os principios nos que se inspira para o seu funcionamento, así como os principios políticos e sociais sobre os que se constrúe, así como a denominación Bloque Nacionalista Galego. Na nova organización de adscrición individual aínda que tamén con representación directa de partidos e colectivos, intégranse, ademais dos militantes procedentes da extinta AN-PG, a UPG, o PSG e diversos colectivos nacionalistas independentes.
No marco dos debates que se producían na xestora sobre a unidade do nacionalismo, o Bloque (AN-PG/UPG)-PSG convocan o Día da Patria de 1982 baixo o slogan: Galicia nación, frente á Constitución. Reclámanse os dereitos nacionais de Galiza que son negados polo réxime instituído na Constitución de 1978.
A fundación do BNG prodúcese nun contexto sociopolítico fondamente hostil para o nacionalismo galego, sendo o exemplo máis claro a expulsión do Parlamento de Galiza dos deputados da coalición Bloque Nacional-Popular Galego/PSG en novembro de 1982 pola defensa democrática dos principios que sustentaban o proxecto nacionalista galego, pola liberdade ideolóxica e a liberdade de expresión, pola democracia, diante da esixencia antidemocrática de xuraren a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía.
O feito de que o presidente do Goberno de España disolvera as Cortes o 27 de agosto e convocara eleccións para o 28 de outubro motiva un debate na xestora para a unidade do nacionalismo que se resolve coa decisión de UPG, AN-PG e PSG de presentar candidatura baixo a denominación de Bloque (BN-PG)/PSG. En consecuencia con esta decisión, na Asemblea fundacional, que cando se celebra a coalición xa estaba inscrita e as candidaturas presentadas, acórdase o apoio a esta candidatura na que se decide asembleariamente que estaría representado o novo BNG. Esta candidatura tamén contou co apoio da Liga Comunista Revolucionaria e do Movemento Comunista de Galiza. Nos comicios houbo dúas candidaturas nacionalistas galegas, a do Bloque/PSG, que acada o 3% dos votos válidos con 38.437 votos, e a de Esquerda Galega (EG) con 22.192 sufraxios e 1,7%. Estas eleccións supoñen un cambio significativo no contexto político estatal e galego coa maioría absoluta rotunda do PSOE, o avance de Alianza Popular (AP) e a práctica desaparición da Unión de Centro Democrático (UCD). A polarización e a concentración do voto “progresista” en torno ao PSOE de Felipe González tamén repercute na competición electoral en Galiza incidindo negativamente no nacionalismo galego que perde a metade dos votos acadados nas eleccións xerais de 1979 (daquela BN-PG e Unidade Galega).
Na Asemblea Nacional do BNG elíxense 20 membros do Consello Nacional aos que se unen os representantes dos partidos e colectivos integrados (UPG, PSG e ERGA). O Consello é o órgano de dirección política entre asembleas, e vai celebrar as primeiras reunións para poñer en funcionamento a organización coa división do territorio en comarcas organizativas para a incorporación dos responsábeis comarcais, así como para dar os debates sobre a situación política e decidir a posición do BNG e definir iniciativas.





